Tuesday 07 de May de 2024

Feijóo destaca a aprobación do Plan de seguridade viaria 2016-2010, que contará cun orzamento superior aos 300M€ e prevé reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ao 2011


Salienta que os Orzamentos da Xunta para este mesmo ano consignan unha partida de máis de 60 millóns de euros para a posta en marcha deste plan

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para este mesmo ano consignan unha partida de máis de 60 millóns de euros para a posta en marcha do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, que prevé reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ao ano 2011 e un investimento próximo aos 300 millóns de euros durante a súa vixencia.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que hoxe deu o visto e prace a este documento, Feijóo explicou que o Plan de seguridade viaria 2016-2020 apóiase en cinco piares que son: optimizar a xestión da seguridade viaria, acadar vías de tránsito e mobilidade máis seguras, apostar por vehículos máis seguros, mellorar a resposta tras un accidente, e traballar para achegar maior seguridade aos usuarios destas vías.

Reforzar a seguridade dos peóns e ciclistas
Ao respecto, apuntou que o plan aumenta a atención especialmente sobre os usuarios máis vulnerables, peóns e ciclistas. E para iso, dixo, propón medidas específicas para nenos, persoas maiores e mesmo peregrinos que estean a realizar o Camiño de Santiago.

Así mesmo, indicou que a Xunta vai acometer actuacións concretas nas vías de titularidade autonómica para a execución, por exemplo, de cunetas de seguridade, para a colocación de barreiras e sistemas de protección de motoristas, e na protección de salvacunetas. E, xunto con isto, mencionou que este mesmo ano porase en marcha unha campaña de educación e sensibilización para reforzar a seguridade dos peóns e aumentar a súa visibilidade.

Feijóo destacou que este novo plan dá continuidade ao anterior, relativo ao período 2011-2015, e salientou que foi elaborado cunha alta participación, posto que foi tratado na Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria —onde están as tres administracións e a Garda Civil de Tráfico—, e contou coa implicación das distintas consellerías e coa participación de diferentes axentes sociais. É o caso de vítimas de accidentes, usuarios de estradas, autoescolas, aseguradoras, ciclistas e motoristas, peregrinos, enxeñeiros, fabricantes de vehículos ou representantes de centros médicos e psicotécnicos.